Historia evolutiva das plantas

Véxase tamén: Historia evolutiva da vida.
Un esporanxio do Silúrico tardío artificialmente coloreado. Verde: tétrade de esporas. Azul: espora que ten unha marca trilete, cicatriz con forma de Y. As esporas teñen un diámetro de 30–35 μm.

A evolución das plantas é o proceso que orixinou e foi transformando este grupo de seres vivos, dando lugar ao longo do tempo unha gran complexidade de grupos, desde os primeiros tapetes de algas de arqueplástidos unicelulares que evolucionaron por endosimbiose, ata algas verdes multicelulares mariñas e de auga doce, seguidas de briófitas, licopodios e fentos terrestres portadores de esporas, e finalmente as complexas ximnospermas e anxiospermas (plantas con flores) portadoras de sementes de hoxe en día. Aínda que moitos dos primeiros grupos seguen prosperando arestora, como ocorre coas algas vermellas e verdes en ambientes mariños, grupos derivados máis recentes desprazaron os que previamente foran dominantes; por exemplo, a predominancia das plantas con flores sobre as ximnospermas nos ambientes terrestres.[1]:498

Hai probas que indican que as cianobacterias e os eucariotas fotosintéticos multicelulares vivían en comunidades de auga doce en terra xa hai mil millóns de anos,[2] e que as comunidades de organismos multicelulares fotosíntéticos complexos xa existían en terra no Precámbrico tardío, hai uns 850 millóns de anos.[3]

As evidencias da aparición das plantas terrestres embriófitas atópanse desde o Ordovícico medio (hai ~470 millóns de anos), e ao chegar á metade do Devoniano (~390 millóns de anos) moitas das características recoñecidas en plantas terrestres presentes hoxe, incluíndo raíces e follas. Ao final do Devoniano (~370 millóns de anos) algunhas plantas que liberaban esporas como Archaeopteris tiñan tecidos vasculares secundarios que formaban madeira e formaran bosques de árbores altas. Tamén no Devoniano tardío, Elkinsia, un fento con sementes inicial, evoucionara orixinando sementes.[4] A innovación evolutiva continuou durante o resto do eón do Fanerozoico e aínda continúa hoxe. A maioría dos grupos de plantas saíron relativamente indemnes do evento de extinción do Permiano-Triásico, aínda que as estruturas das comunidades cambiaron. Isto puido preparar a escena para a aparición das plantas con flor no Triásico (~200 millóns de anos), e a súa posterior diversificación no Cretáceo e Paleoxeno. Os últimos grupos maiores de plantas que evolucionaron foron as herbas, que se fixeron importantes no Paleoxeno medio, desde hai uns 40 millóns de anos. Nas herbas, así como en moitos outros grupos, evolucionaron novos metabolismos para sobrevivir nas condicións de baixo nivel de CO2, calidez e seca dos trópicos nos últimos 10 millóns de anos.

  1. Stewart, W.N.; Rothwell, G.W. (1993). Paleobotany and the evolution of plants (2ª ed.). Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-23315-6. 
  2. Strother, Paul K.; Battison, Leila; Brasier, Martin D.; Wellman, Charles H. (2011). "Earth's earliest non-marine eukaryotes". Nature 473 (7348): 505–509. Bibcode:2011Natur.473..505S. PMID 21490597. doi:10.1038/nature09943. 
  3. Knauth, L. Paul; Kennedy, Martin J. (2009). "The late Precambrian greening of the Earth". Nature 460 (7256): 728–732. Bibcode:2009Natur.460..728K. PMID 19587681. doi:10.1038/nature08213. 
  4. Rothwell, G. W.; Scheckler, S. E.; Gillespie, W. H. (1989). "Elkinsia gen. nov., a Late Devonian gymnosperm with cupulate ovules". Botanical Gazette 150 (2): 170–189. doi:10.1086/337763. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search